MOVEMENTO MONÁRQUICO COROA GALEGA
O MNCG é unha movemento nacional galego que cre que a monarquía é o forma de goberno que debe adoptar a nación galega.
Como patriotas sabemos que a nosa nación é a galega, recoñecer outra como propia sería renegar da nosa propia esencia, e nós non avergoñamos do que somos: galegos.
O MNCG asume como propia toda a tradición cultural e política galeguista: dende o Rexurdimento ata as Irmandades da Fala, a Xeración Nós ou o Partido Galeguista, grazas a eles Galicia non se disolveu na nación española, á vez que xurdían os primeiros movementos políticos que recoñecían o carácter nacional da nosa patria. O levantamento contra do goberno lexítimo polo Xeneral Franco e unha parte do exército español puxo fin a un momento de esperanza e recuperación da nosa dignidade como nación. O asasinato de Alexandre Bóveda e moitos outros e o exilio de Castelao e de tanta xente comprometida co país nunca será reparado, durante corenta anos unha longa noite de pedra escureceu a nación dos galegos.
Coa chegada da democracia restableceuse a monarquía española e se recoñeceu a “autonomía das rexións e nacionalidades españolas”, autonomía e monarquía española no canto de soberanía e autoorganización que os patriotas galegos desexabamos.
A visión da monarquía do MNCG non é a da monarquía da nación española, Galicia non é un país mediterráneo, somos un país atlántico, e polo tanto miramos ao norte: Dinamarca, Noruega ou os Países Baixos son as nosas referencias: Monarquías comprometidas co pobo, lume ardente que mantivo o espírito nacional durante a ocupación nazi.
Que aporta a monarquía a Galicia, cal é a razón de ser dun Reino, e non unha República. Nós non reivindicamos a nobreza galega, non existe: hai títulos galegos que debido á doma e castración do noso pais por uns reis estranxeiros foron parar á Corte española onde se fundiron coa nobreza española e xa non din nada aos galegos.
Pero a monarquía simboliza a tradición do noso pais: que sempre foi un Reino ata a creación das provincias en 1833 que puxo fin á existencia xurídica de Galicia como país ata o establecemento da Autonomía. O Galego foi a lingua dos reis ata Afonso X. A monarquía garante a existencia dun Xefe de Estado por riba dos intereses políticos, económicos e sociais capaz de actuar de forma imparcial no seu labor de símbolo da nación, favorecendo a unidade nacional. Un Xefe de Estado suxeito ao ordenamento xurídico pero que non está condicionado polo goberno do momento.
Alguén inxenuamente pode pensar que abondaría que o Rei de España for proclamado Rei de Galicia, pero nós non queremos reis estranxeiros, o noso país precisa a súa propia soberanía, polo tanto propugnamos a creación dunha dinastía real galega. Será unha Asemblea Constituínte do Reino de Galicia a que decida que dinastía debe constituír a familia real galega, esa mesma Asemblea decidirá tamén a nosa relación co Reino de España e coa Unión Europea.
Galicia é a nosa primeira prioridade, o seu benestar, o desexo que temos como galegos de contribuír á súa prosperidade, e o que nos motiva. Nós non temos máis patria que a galega.
A lingua galega é a lingua dos galegos, que ninguén busque en nós apoio a políticas de bilingüismo harmónico que só contribúen á morte da nosa lingua, cómpre políticas rexas de normalización da lingua que aseguren a súa transmisión ás próximas xeracións como lingua nacional dos galegos, non queremos unha lingua litúrxica, senón unha lingua falada polo pobo en todos os contextos sociais.
A monarquía como símbolo e valor moderador da nación galega, que contribúa a nos sentir orgullosos da nosa patria.
Somos conscientes que somos un movemento pequeno, escasamente coñecido polo pobo galego, non recibiremos aloumiños dos nacionalistas nin dos monárquicos españois, pero non nos importa, temos un camiño por diante, longo... moi longo, e non renunciaremos ás nosas ideas.
Nestas páxinas poderemos atoparnos os que pensamos do mesmo xeito, e tamén aqueles que teñen interese en nos coñecer, con modestia: non temos grandes recursos nin medios materiais. Por suposto estamos abertos a calquera tipo de colaboración, envíanos ideas, suxerencias, novas,artigos, críticas...
FORO Se queres que a bandeira dos monárquicos nacionalistas apareza na túa web, non tes máis que colar o código que aparece embaixo no teu sitio:
© 2004 rocastelo@yahoo.es