Cultura e Historia


Fuente: Concello de Catoira

 

A vila de Catoira na Historia de Galicia

    A situación de privilexio con que conta o municipio de Catoira, na desembocadura do Río Ulla, ó fondo da Ría de Arousa, e o clima suave do que goza a meirande parte do ano, foron razóns convincentes para que, no seu solar, se ubicasen poboacións estables dende moi antigo.

    Así o aseguran as diversas estacións de petroglifos da Idade do Bronce, que garda a húmida espesura dos seus bosques. A cultura dos castros instalouse no lugar de Oeste, onde hoxe se levantan as famosas Torres. Tratábase dun poboado da Idade de Ferro (século I ó II a. C.) que desenvolvía unha economía, fundamentada na recolleita silvestre e na gandería, complementada coa pesca, na beira do río.

    Anos máis tarde, tra-los intres violentos da ocupación romana, a Pax de Augusto transformou o pequeno castro costeiro nun porto comercial do Imperio, no século I da nosa Era. De todo isto fala o escritor clásico Pomponio Mela e os restos cerámicos das campañas arqueolóxicas.

    Tan antigo establecemento portuario puido ve-lo paso da nave que transportou os restos do Apóstolo Santiago dende Jaffa (Palestina) ata o porto de Iria Flavia, sita a poucos quilómetros, río arriba.

    A historia de Catoira estivo íntimamente ligada á importancia estratéxica do complexo militar de Oeste. As Torres serviron de escudo defensivo a Galicia, dende o comezo da Idade Media ata o reinado dos Reis Católicos, momento a partires do que entran nun período delenta e progresiva decadencia.

As Torres de Oeste e as invasións

 

    En efecto, co correr dos séculos abandónanse as actividades comerciais e comeza a ser aproveitado o valor estratéxico do enclave. Nos nosos días, esta antiga realidade pode apreciarse na visita do lugar de Oeste; o que alí agarda –nas néboas da lenda e da Historia- é un dos conxuntos arqueolóxicos e históricos de maior relevancia de Galicia.

    O acceso ó recinto faise a pé, por un camiño novo, baixo os pilares da ponte do Ulla, ou seguindo outro máis antigo, empedrado recentemente. Ámbolos dous camiños cruzan un terreo pantanoso que foi anegado polas augas da ría, contibuíndo á insularidade da inexpugnable fortaleza de Oeste.

    Nos difíciles anos da Alta Idade Media, varias oleadas normandas penetraron na Ría de Arousa, causando un grande destrozo coas súas expedicións de pillaxe. No ano 850 os normandos saquearon Iria Flavia, provocando a fuxida do bispo e do cabildo a Compostela. Outras expedicións sucederon nos anos 859 e 968, pero tiveron que enfrontarse ós homes do Castellum Honesti (Fortaleza das Torres) Os ataques escandinavos tiñan como obxetivo principal en Jakolsland (Terra de Xacob) a toma da cidade de Santiago, mitificada polos invasores que a imaxinaban terra de grandes riquezas.

A construcción das Torres de Oeste

    O monarca Alfonso III, O Magno, mandou levantar os dous edificios máis importantes do século IX en Galicia. Un deles era relixioso, a Basílica do Apóstolo, en Compostela, e o outro era unha obra civil: a reconstrucción do Castellum Honesti, en Catoira. O vello enclave romano converteuse nun dos principais castelos do reino asturiano, e de toda a Europa altomedieval. O monarca armou o lugar con murallas e torres de gran altura, dúas delas aínda se conservan, sendo o máis destacado do vello castelo.

    Estas dúas torres que quedan en pé, preto da ribeira, pertencen a esta etapa prerrománica. Tamén de época asturian é o crismón coa Cruz da Victoria, emblema de Alfonso III, atopado nas ruínas de Oeste e conservado no Museo de Pontevedra.

    Posteriormente, o rei Alfonso V de León, vencedor dos normandos de Olaf Haraldson, seguíu fortificando, no século XI, a fortaleza de Castellum Honesti. En 1204, a monarquí donou as Torres á Mitra Compostelana, e a partir de entón, os bispos Cresconio e Diego Peláez seguiron fortificando a ciudadela, fundamental para a defensa de Santiago.

    Catoira e as Torres serán testemuñas, posiblemente, do nacemento do primeiro arzobispo de Compostela: Diego Xelmírez. O pai de don Diego Xelmírez, o cabaleiro Xelmirio, é o alcaide do castelo de Oeste a mediados do século XI. Durante o seu gran pontificado, o arzobispo Xelmírez reforzou o enclave militar entre 1108-1122; as obras remataron a tempo de rexeita-los ataques das naves sarracenas (piratas islámicos do Norte de África) entre 1122 e 1134. Xelmírez tamén fomentou esta política antipirática e defensiva, organizando a primeira escuadra de guerra dos reinos cristiáns da Península.

    As Torres de Oeste impediron, durante séculos, o ascenso polo Ulla dos exércitos normandos e dos piratas sarracenos, sendo o máis recio dun sistema defensivo que lograba frear todo tipo de invasións que ascendeses pola Ría de Arousa. Evitáronse os ataques a Santiago, pero nada puideron facer as Torres de Oeste contra o pillaxe normando nas poboacións da costa de Arousa.

    O deseño da fortaleza rematouse naquel século XII, quedando como un recinto elíptico rodeado por un muro, e armado por sete torres. As que hoxe quedan en pé, pertencen ó século IX; as ruínas doutras dúas son do século XII, sendo de época romana os restos doutras que se orientan cara ó interior. Entre todas estas construccións, di a Historia Compostelana, destacaba unha gran torre central (con ruinas visibles hoxe en día), elevándose sobre tódalas demais.

    O valor estratéxico deste castelo marítimo decaeu a finais do século XV, chegando a súa etapa de decadencia na época dos Reis Católicos. Coa Idade Moderna, o antigo e inexpugnable recinto militar non servíu máis que de refuxio de vagabundos e de canteira para as casas das parroquias veciñas, aínda que sen decaer de todo, gracias á existencia da capela do Apóstolo.

As Torres e as peregrinacións

    O Castellum Honesti considerábase na Historia Compostelana, escrita por colaboradores de Xelmírez, como chave e selo de Galicia. En efecto, era un conxunto de grande importancia para a defensa dos estados episcopais, pero o gran prelado tamén quixo dotar ó castelo dunha capela adicada a Santiago. Durante os séculos XII ó XVI, acudiron numerosos peregrinos ante o altar desta pequena capela de Oeste, despois de orar en Compostela ante a tumba de Santiago. Este constante fluxo de fieis devotos fixo que Catoira, ó igual que de Fisterra, Muxía e Padrón, un lugar de peregrinación que era continuación do Camiño Francés.

O estilo artístico do conxunto arquitectónico de Oeste

    A sinxela capela de Santiago é de nave única e ábside semicircular. A súa arquitectura alude a varias tradicións prerrománicas, ó arte visigodo e ó asturiano de época de Alfonso III (866-910). Os muros van subindo a base de irregulares fiadas de sillarexo, con reforzos esquinais de sillería a soga e tizón. As portas son adinteladas e protexen as súas pezas monolíticas con arcos de descarga, evitando desplomes e quebras de dinteis.

    Este modo de facer arquitectura nas Torres de Catoira é o mesmo que se empregou nas construccións asturianas da capital do reino de Oviedo. Os vellos sistemas constructivos romanos vólvense utilizar como linguaxe válido en zonas distantes do Reino de Asturias: as construccións de Oviedo e a igrexa de San Salvador de Valdediós, ambas en terras do Principado de Asturias, e a fortaleza de Honesti, en Catoira, na Comunidade Autónoma de Galicia.

    Das torres e murallas de época de Alfonso V, principios do século XI, e de tempos do arzobispo Xelmírez, principios do século XII, só quedan os cimentos e algunhas fiadas de sillares que levantan poucos centímetros do chan, mentras que a parte prerrománica do conxunto militar de Oeste mantense en milagroso estado de conservación, sendo o único exemplo da Alta Idade Media que chegou ata nós.

    A meirande parte dos restos desta fortaleza medieval presenta as mesmas características artísticas e históricas que o conxunto de elementos asturianos que integran o chamado Arte Prerrománico Asturiano, considerado pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, sendo a única arquitectura militar realizada polos reis asturianos que queda en pé despois de máis de mil anos.

A vida de Catoira a principios de século

    A principios de século, Catoira tiña unha poboación de 23.000 habitantes. O seu comercio era escaso e en aspecto industrial posuía varias fábricas de aserrar madeira e varios fornos de construcción de tellas. Contaba cun gran almacén de madeira, dous fornos de fabricación de pan e 9 muíños fariñeiros (hoxe reconstruídos turísticamente), polo cal dicíase de Catoira: "Catoira tierra de molinos de agua, viento y marea". Como comercio existían dous de tecidos e 7 de comestibles. Só tiña un médico e era municipal.

    Na parroquia de San Miguel de Catoira, existía un balneario, con moita fama e gran cantidade de bañistas. Neste balneario fabricábanse xabóns medicinais e de tocador. As súas augas eran famosas para enfermidades da pel, úlceras e órganos xenitais femininos. Foron declaradas de utilidade pública en 1907, e compoñíanse dos manantiais de Laxiña e Racarén. Este balneario está hoxe en recuperación, pois conta con augas sódico-radioactivas e sulfrídico-sulfurosas, que dado ás súas propiedades curativas e á crecente demanda deste tipo de augas, estúdiase a súa próxima explitación. A corrente eléctrica foi realidade en 1926.

1